Iclas - Instituto de Culturas Lusófonas
Antonio Borges Sampaio


15-10-2014

O IGE confirma que o galego non é a lingua habitual da maioría da poboación


Montse Dopico14/10/2014

mapalingua

Mapa de variación do uso do galego por concellos. CC BY-SA Carlos Neira

 

Entre 2001 e 2011, a porcentaxe de persoas monolingües en galego caeu en trece puntos e xa non son a maioría. Así o revelou o Instituto Galego de Estatística, a partir de datos do último Censo de Poboación e Vivendas do INE. No estudo anterior, o 57 por cento da poboación tiña o galego como lingua de uso habitual. Dez anos despois os falantes habituais de galego reducíronse ao 43,8 por cento. O 45 por cento afirma falar galego só ás veces, a carón do castelán.

Malia a constatación do avance do proceso de substitución lingüística, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria considera estes datos positivos e saliéntaos como un reforzo do bilingüismo. “Un 89,1% da poboación usa o galego en maior ou menor medida na súa vida diaria. Esta porcentaxe obtense da suma de quen o usa en exclusiva (un importante 43,8%) e quen o usa a carón do castelán (45,3%) e supón un incremento de dous puntos con respecto ao obtido na mesma enquisa no ano 2001. A comparación dos datos do 2011 coa mesma fonte do ano 2001 revela un aumento das persoas que se desenvolven habitualmente nas dúas linguas cooficiais de Galicia. Así, son cada vez máis numerosas as persoas que se expresan de xeito natural e espontáneo en calquera das dúas linguas, por considerarse con competencia para facelo, o que consolida tendencias que se viñan presentando noutras enquisas anteriores”, asegura nunha nota de prensa.

En realidade, os datos do IGE confirman a tendencia xa advertida pola Real Academia Galega no último Mapa Sociolingüístico de Galicia, do 2004, que indicaba que o bilingüismo era a modalidade dominante -57,9 por cento da mostra-, e que o uso do galego era minoritario, en canto lingua de uso habitual, respecto do castelán, xa que os galego-falantes sumaban o 38,4 por cento do total (15,8 por cento de só galego, e 22,2 por cento de máis galego), fronte ao 25,8 de só castelán e o 35,3 de máis castelán. A RAG advertía neste mesmo estudio de que, nos 12 anos anteriores, o uso monolingüe do galego caera en 14 puntos.

 

Sobre a autora

Montse Dopico

M_ é un Magazine cultural galego realizado por Montse Dopico, xornalista cultural que escribe, na actualidade, en Praza Pública, Luzes e Faro de Vigo. Anteriormente ten traballado para diferentes medios como Galicia Hoxe, El País ou El Mundo.

 

http://montsedopico.com/review/o-ige-confirma-que-o-galego-non-e-lingua-habitual-da-maioria-da-poboacion/